Xogantina é un proxecto de recollida, difusión e promoción dos xogos tradicionais galegos. Unha iniciativa impulsada pola Concellería de Política Lingüistica do Concello de Boiro e a Xunta de Galicia, coa colaboración dos CEIP: Abanqueiro, Escarabote, Cespón, Praia Xardín, Santa Baia e Santa Mª do Castro.
Nos debates actuais sobre como preservar o patrimonio inmaterial están sempre presentes complexos desafíos. Se ben é posible documentar ese patrimonio e preservalo para o futuro, a súa transmisión representa un enorme reto. As lendas, cantigas, saberes, oficios ou contos populares naceron nunha sociedade radicalmente transformada nos nosos días, e na que deben atopar o seu sitio.
Os xogos son unha parte fundamental dese acervo e, se cadra, un dos saberes nos que a transmisión directa aínda é posible. Nunha sociedade tecnolóxica como é a nosa, os xogos físicos, que requiren o exercicio da imaxinación, da axilidade mental e física, ofrécennos unha posibilidade doada de usar, gozar e, xa que logo, de preservar a memoria dos ancestros e facela útil cara ao futuro.
O amplo acervo de xogos tradicionais de Galicia permite conectalos con numerosas destrezas, habilidades e coñecementos fundamentais na formación das persoas. Pero ao tempo, conéctanos cos saberes desenvolvidos polos nosos devanceiros durante centos de anos.